Inicio | Asociados | Como asociarse e servizos |Novas | Ofertas de emprego | Formación e cursos | Contacto
Ver todas

SUBVENCIONES A AUTÓNOMOS POLA CONTRATACION INDEFINIDA INICIAL


ORDE do 6 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
3. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran.


Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2012 ata o 30 de setembro de 2013. A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Requisitos
1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que sexan realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida deberán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.

3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial, cando na data na que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención, non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, a outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que, con anterioridade á formalización destes contratos, non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
5. Nas contratacións indefinidas polas que se solicite subvención deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.


Exclusións
Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

As contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal.

As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.


Prazos

As axudas poderán solicitarse ata o ultimo día do mes seguinte á data en que se inicie a ralación laboral indefinida pola que se solicita subvención.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de Setembro de 2013, ainda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado anteriormente.

As solicitudes polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de Outubro de 2012 e a data de publicación desta orde, poderán presentarse no prazo dun mes contado dende a data de publicación desta orde( 12 de Xuño de 2013).










ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DE HOSTALERIA FERROL E COMARCAS. Copyright © 2011